O Colexio San Narciso dos PP. Paúis en Marín

Os Paúis fundan unha residencia en Marín no 1926 á petición de emigrantes marinenses na Arxentina preocupados pola escolarización dos nenos deste concello e a promoción dos adultos. O axente foi D. Narciso Nores Salgado quen donou aos PP. Paúis un pulcro edificio no Campo da Feira en Marín e unha finca no Chan do Monte na parroquia de Mogor. No mes de xaneiro do 1926 forman a Congregación da Misión de Marín sendo o seu Superior o P. S. Vallés. O 27 de agosto do 1927 tomaba a dirección do centro o P. Anxo Marvá. Dende aquela ata hoxe os paúis residentes en Marín foron 156.


A Comunidade dos Paúis de Marín asumiu a actividade escolar fundacional para alumnos de Primaria e para estudios nocturnos de adultos. Dous mestres colaboraban cos misioneiros. Para cubrir necesidades de adaptación do edificio e da mesma Comunidade uniu estudos retribuidos de Comercio e, posteriormente, de Bacharelato. Estes alumnos pasaban exames en centros públicos. Os cursos 1931-1936 proseguiron a pesar das leis prohibitivas da IIª República sobre as congregacións relixiosas.

De 1939 a 1958 o Colexio San Narciso percorre un lento crecemento de alumnos, asentándose o espazo do Bacharelato. Os paúis abren un mediopensionado e horas de estudo vixiado. Son anos de actividade pastoral extensa: A, Católica paroquial, capela de Cantodarea, capelanías, predicación nos arredores e catequese sistemática.


No curso 1954-55 o Colexio é "autorizado", conta cunha nave nova para internos e comeza un despegue de prestixio educativo. De 1958 ao 1975 perdura a Primaria, sistematizase a Secundaria: Ingreso e bacharelato. O medre do internos obriga a adaptar as bufardas da fachada para durmitorios. Os paúis xoves son numerosos e con graos académicos para o ensino. O derradeiro curso neste edificio do Campo da Feira contaba con 400 alumnos, deles 120 eran internos e 15 mediopensionistas. A pedagoxía dos paúis caracterizouse por unha atención intensa ao estudo, á práctica do deporte e unha organizada pastoral dos alumnos. Aquel colexio mantivo sempre unha pastoral aberta ao público na súa propia capela e unha colaboración diaria con diferentes parroquias e institucións relixiosas.

San Narciso no Chan do Monte

Na década dos 70 fixéronse inaprazabeis dúas urxencias: falta de espazo para os internos e externos e a incapacidade económica para unha solución sen axuda allea. No 1971 obtívose a declaración de "Interese social" que fixeron factible crétos brandos para trasladar o Colexio á finca de Chan do Monte, tras mercar a Comunidade terras a sumar á finca da fundación ata unha extensión de máis de 29.000 m2.

O día 16 de marzo de 1973 o Superior Xeneral da CM puña a primeira pedra do novo Colexio en Chan do Monte e no ano 1975 funcionaba xa o conxunto académico-deportivo de internos, externos, mediopensionistas e a Residencia da Comunidade. Posteriormente faríanse pavillóns de Primaria e Deportes. O crecemento do Colexio foi progresivo e constante entre os anos 1975-1982 chegando a ter matriculados a un total de 1333 alumnos no curso 81-82. Ao mesmo tempo foi aumentando o número de proferores paúis e segrares no centro.

A última etapa do Colexio San Narciso corresponde aos anos de readaptación do ensino como colexio "concertado". O alumnado é mixto desde o 1983. Desaparece o internado e predomina o acceso ao centro mediante autobuses. Os novos ciclos escolares son: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. A partir dos 90, estabilízase o alumnado e o profesorado. O alumnado oscila entre os 863 do curso 93-94 aos 630 do 2003-04. Uns 2/3 son do Concello de Marín.

O Colexio San Narciso segue a ser o eixo vital dos paúis de Marín, mais con novas mediacións: máis participación dos distintos membros da Comunidade Escolar (profesores, pais e alumnos) a través do Consello Escolar, ensino, deporte e preocupación educativa a partes proporcionais. Ten presenza a preocupación pastoral cristiá a busca de instrumentación ecuménica adecuada.

 

Presente e Futuro

No noso xa tradicional afán de prestar o mellor servizo educativo á comunidade escolar de Marín e bisbarra, o Colexio San Narciso Padres Paúles, como veu facendo durante os últimos 90 anos, aposta e seguirá apostando por incorporar no seu proxecto educativo os medios técnicos e humanos máis de vangarda para garantir o mellor futuro aos nosos alumnos, como por exemplo o proba o feito da implantación dende o curso 2013-2014 do libro dixital nas nosas aulas.

Colexio San Narciso. Marín. Pontevedra
Chan do Monte 27. Teléfono 986881408